14,00€
Autora e ilustradora: ANTOINETTE PORTIS - Podo axudarte?- Non necesito axuda.- Eu son moi alta!- Veña, está ben. Pero esta é a miña cidade…O traballo colectivo fai que esta cidade deixe de ser “miña” para ser “nosa”. Outra volta sobre unha proposta imprescindible a prol da imaxinación e do xogo creativo.O coello que protagoniza esta icónica serie de Antoinette Portis observa unhas caixas de cartón amoreadas, de distintas formas e tamaños, e decide converterse no “mellor construtor do mundo”: velaí o detonante de «Non é unha caixa. É unha cidade».A chegada doutros animais ofrecéndose a colaborar e a participar no xogo choca co seu carácter individualista, rexeitando así a intervención doutros axudantes ou xogadores. Ao verse só cambiará de opinión e contará coas achegas da xirafa que, co seu longo pescozo, pode facer torres máis altas do que alcanza o coello; das formigas, que son quen de erguer 50 veces o seu propio peso e poden transportan as caixas máis voluminosas; e do camaleón, un experto en cores, que empeza a pintar a cidade.Fronte ao egoísmo e á intolerancia que conducen á soidade e á tristura, o coello descubrirá a importancia de compartir, abrazar a diversidade, respectar outros puntos de vista e, sobre todo, valorar o traballo en equipo e facer amizades.Rectificar é de sabios e o protagonista decatarase da necesidade de colaborar para, entre todos, darlle vida a unha grande e fermosa cidade como resultado do esforzo colectivo e do poder ilimitado da imaxinación.Tralo éxito internacional de «Non é unha caixa», a autora volve reivindicar o xogo libre e creativo neste novo libro onde as imaxes, unha colaxe de caixas entre as que se sitúan os personaxes, trazados cunha absoluta economía gráfica e expresiva, seguen tendo un peso maior que o texto. Partindo de reciclar e reutilizar materiais tan simples como unhas caixas de cartón, a ollada infantil pode transformalas no mellor dos xoguetes; un recurso ben humilde, mais con infinitas posibilidades.